Código de conduta


1.- INTRODUCIÓN

O presente código de conducta ten como finalidade estender entre a comunidade que conforma o Milladoiro S.D. a filosofía do respecto entre todos. O código de conducta está conectado co Regulamento de Réxime Interno aprobado pola directiva da entidade en agosto de 2020.

O Milladoiro S.D. autoproclámase como Escola de Fútbol e identifícase co espírito de “xogo limpo” como principio fundamental no que conflúen aspectos que van desde o deportivo (evolución do xogador e a súa implicación) ata o persoal eliminando a violencia tanto física coma verbal e a eliminación de oportunidades non equitativas.

2.- COMPROMISO DOS ACTANTES

Todas as partes que actúan na Escola de Fútbol: adestradores, xogadores e familias adquiren un compromiso que ha de ser firme. A evolución do conxunto depende do compromiso das partes.

2.1.- ADESTRADORES

a) Os adestradores son os responsables da planificación dos adestramentos que han de ser equitativos no que se refire á preparación da parte física, técnica e psicolóxica inferindo no xogador o reforzo positivo.

b) A planificación dos partidos corresponde ao adestrador primando a parte técnica e de conxunto (equipo) sobre particularidades persoais que non han de interferir nas súas decisións.

c) Os horarios dos partidos deben ser comunicados con suficiente antelación para que as familias planifiquen os desprazamentos.

d) Realizarán a reconfiguración do equipo ante posibles ausencias de xogadores ou dos adestradores, non podendo desprazarse ningún equipo sen estar encabezado por un adestrador de referencia.

e) Comunicarán ao Director Deportivo do Club as incidencias acaecidas nun encontro, tanto por parte dos xogadores, as súas familias ou do árbitro.

f) Primarán sempre en beneficio do equipo, aínda cando os tempos de xogo non resulten equitativos. A dinámica de xogo prima. Os tempos en fútbol son relativos. Pese a isto, han de garantir que todos os xogadores convocados participen do encontro.

2.2.- XOGADORES

a) O equipo técnico valorará a participación, o esforzo e a implicación realizado nos adestramentos.

b) Compromiso co equipo ha de ser férreo. Os adestramentos non supoñen un espazo de recreo, senón de traballo para obter resultados.

c) Requírese puntualidade nos adestramentos e na hora de convocatoria aos partidos, salvo causa de forza maior.

d) A indumentaria ha de ser a establecida polo clube. A imaxe é importante.

2.3.- FAMILIAS

a) Non se deben cuestionar ni crear faladurías respecto das decisións do adestrador ou do equipo técnico. As discrepancias respecto das decisións do adestrador trátanse directamente con el que, á súa vez, as tratará co coordinador e co director deportivo.

b) Deben apoiar o reforzo positivo sobre os xogadores (os seus fillos). Incidir na posta en valor das cualidades do xogador evitando sinalar unicamente os erros.

c) Comprometerse a trasladar ao xogador aos adestramentos e partidos respectando a puntualidade e as normas establecidas polo club.

3.- INFORMACIÓN E REXISTRO DE ACTIVIDADES E INCIDENCIAS

A comunicación entre adestrador e a familia dos xogadores cobra un papel fundamental. Os familiares dos xogadores deben coñecer a súa evolución deportiva.

a) Farase un rexistro da asistencia aos adestramentos e partidos.

b) Farase un rexistro de incidencias tipificadas como leves, graves ou moi graves.

c) Valorarase o nivel de implicación desenvolvemento do xogador tanto nos adestramentos coma nos partidos.

4.- COIDADO DA IMAXE

Na práctica deportiva, a comunidade que conforma o Milladoiro S.D. ha de ser coidadosa coa imaxe, non soamente no que se refire á indumentaria e ao coidado do material, senón tamén á hora de coidar as formas nas relacións co árbitro, cos demais xogadores, as familias e co equipo contrario.

5.- RELACIÓN COS XOGADORES

a) Durante os adestramentos e os partidos o adestrador é o responsable dos xogadores. Durante a celebración dos partidos ou torneos, o equipo ten que permanecer unido e baixo as indicacións do adestrador.

b) Esixirase decoro na linguaxe e unha vestimenta adecuada para a práctica deportiva, tanto no adestramento (camiseta de adestramento e impermeable os días de chuvia) coma á chegada aos partidos (chándal do equipo ou indumentaria para o xogo).

c) Con motivo da COVID-19, queda temporalmente prohibido o uso dos vestiarios. Os xogadores deben ser depositados e recollidos polos seus familiares sen que estes poidan acceder ao terreo de xogo. Han de respectarse as vías de entrada e saída que lles indique o adestrador.

d) Esixirase puntualidade.

e) Inculcarase respecto ao árbitro e aos rivais.

d) Tratarase aos xogadores con equidade asegurándose que haxa igualdade de oportunidades para participar no equipo. Terase en conta a implicación e o esforzo do xogador.

6.- RELACIÓN COS PAIS E FAMILIARES

a) Haberá un diálogo cordial e construtivo cos pais e familiares a propósito do seu interese por coñecer o grao de evolución dos seus fillos (xogadores).

b) Atenderanse as suxestións ou dúbidas respecto do comportamento dos seus fillos.

c) Solicítase ás familias que acompañen aos xogadores nos seus desprazamentos e que asistan aos partidos mantendo un comportamento cortés e respectuoso co árbitro, as familias e os xogadores contrarios.

7.- CÓDIGO DE CONDUCTA PARA O PÚBLICO

a) A Escola de Fútbol do Milladoiro S.D. espera de vós, como afeccionados e amantes do deporte, un comportamento exemplar, tanto nas instalacións coma fóra delas.

b) A vosa misión é motivar e acompañar aos deportistas, desfrutar coa asistencia ao evento deportivo (cando se retome a competición). A tales efectos, o código de conducta aconsella:

c) Actuar sempre coma un modelo positivo para os deportistas e o resto do público.

d) Respectar a filosofía da escola en relación aos deportistas, adestradores, árbitros e público.

e) Respectar as decisións do equipo técnico.

f) Aplaudir os bos desempeños dos xogadores, tanto individuais coma de equipo, independentemente do equipo no que xoguen.

g) Respectar as decisións do árbitro do partido.

h) Non insultar nin tratar de forma irrespectuosa a xogadores, árbitros, adestradores ou ao resto dos espectadores.

i) Respectar a integridade do rival.

j) Non consentir ningunha manifestación de violencia, tanto dentro coma fóra do campo.

k) Valora o esforzo e o traballo ben feito, no canto de enxalzar o triunfo a toda costa.

l) Respectar os dereitos, a dignidade e o valor de todos os participantes no xogo, con independencia do seu xénero, raza, orixe cultural, crenzas ou habilidades.

m) Animar ao teu equipo, divertirse co espectáculo deportivo e ser un exemplo de comportamento para os demais.

n) Facer un uso axeitado das instalacións deportivas.

8.- CÓDIGO DE CONDUCTA PARA OS XOGADORES

a) O teu primeiro obxectivo á hora da práctica do fútbol é divertirte. Xogar ben, gañar competicións, aprender novas técnicas e mellorar día a día son aspectos moi importantes, pero non serven de nada se non és feliz xogando.

b) Intenta ser cada vez mellor deportista sen deixar de ser boa persoa.

c) Recorda que te comprometiches cos demais compoñentes do equipo e do Milladoiro S.D. que abarca toda a tempada deportiva.

d) Axuda ao teu equipo, colabora cos teus compañeiros. As individualidades en fútbol non valen para nada. Xuntos logrades que o equipo evolucione e mellore.

e) O adestramento é o único medio para conseguir xogar na seguinte xornada mellor do que xogaches na anterior. Chega sempre puntual, adéstrate con esforzo, sé constante e responsable na túa rutina deportiva.

f) Non te desanimes nunca por xogar menos tempo ou porque o teu equipo vaia perdendo. A constancia e a vontade de superación son tan importantes coma a boa condición física (que acadarás co adestramento).

g) Para poder superar aos demais, empeza por intentar superarte a ti mesmo, procurando facelo cada día.

h) Respecta a integridade do rival.

i) Non provoques nin respondas a provocacións do contrario.

j) Acepta as desculpas do rival e descúlpate, se é necesario.

q) Saúda deportivamente, tanto se se gaña coma se se perde.

l) Evita a agresividade verbal ou física, e fai uso dun vocabulario adecuado sen utilizar palabras malsoantes.

m) Respecta ao árbitro, ao adestrador, ao capitán e as súas decisións.

n) Non discutas cos teus propios compañeiros nin recrimines o seu facer. Hai que animarse e ir todos a unha.

o) Fai un uso correcto das instalacións deportivas.

p) Acude aos adestramentos e partidos coa indumentaria esixida polo club. Recorda que a imaxe de conxunto é importante.

q) Cóidate! Debes manter unha nutrición correcta e descansar as horas precisas. Son un requisito fundamental para chegar a ser un deportista completo.