Comunicado da Xunta Directiva

En Milladoiro, a 20 de xaneiro de 2021

Estimadas familias do Milladoiro, S.D.

En aras das últimas restricións establecidas polo Comité Clínico da Xunta na reunión mantida o 19 de xaneiro respecto da suspensión dos adestramentos, unicamente permitidos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas, a Xunta Directiva do Milladoiro S.D. redacta este comunicado para informar ás familias dos nosos deportistas que a partir de mañá, xoves 21, día en que se inician as restricións no deporte federado, quedan suspendidos os adestramentos ata que se produza un levantamento da restrición estipulada pola Xunta de Galicia.

Entendemos que as condicións establecidas non poden axustarse á práctica dun deporte coma o fútbol.

Facemos exercicio de responsabilidade ao respectar o establecido polo Comité Clínico esperando que esta medida axude á redución da mobilidade cidadá e, por ende, a reducir o nivel de incidencia que a COVID-19 está exercendo na nosa comunidade e na nosa área de proximidade. Esperamos que, á maior brevidade posible, a situación revirta e poidamos novamente retomar a actividade que tanto benestar provoca na nosa rapazada.

Agradecemos ás familias que conforman o Milladoiro S.D. a confianza depositada no clube e no facer dos adestradores, agardando encarecidamente que a situación sanitaria se estabilice e poidamos exercer a práctica futbolística de xeito continuado e sen atrancos.

Informaremos do reinicio da actividade en canto as medidas restritivas no deporte federado se levanten.

Quedamos, por suposto, á vosa disposición para aclarar calquera dúbida que puidera xurdir.

José Manuel Dacosta Calviño

Presidente do Milladoiro S.D.

Por favor acceder para comentar.