Celebrada a Asemblea Xeral Ordinaria de socios/as do Milladoiro SD

Na Asemblea, os/ as asistentes apoiaron de forma unánime a xestión da nova Xunta Directiva. O club regulariza as súas contas e céntrase no proxecto deportivo para a tempada 21-22.

O pasado 1 de outubro de 2021 celebrouse nas instalacións do Campo de Fútbol de O Milladoiro, a Asemblea Xeral Ordinaria, á cal asistiron case unha trintena de socios/as e a Xunta Directiva ao completo. Durante algo máis de hora e media a Xunta Directiva expuxo aspectos como as dificultades económicas para arrincar a pasada tempada, a organización deportiva e financeira actual do club, a situación económica actual, a renovación progresiva dos equipamentos e as novidades para a próxima tempada entre outros.

Desde os novos vestiarios ao Carné de socios.

Ao comezo da tempada está prevista a inauguración dos novos vestiarios, con capacidade para dous equipos. Vestiarios que estarán equipados con duchas e que incluirán baños para os espectadores e unha zona que o club acondicionará como mini-ximnasio para os/as deportistas. Ademais, outra novidade será o Carné de socios/as, cun custo por tempada de 30 euros, o a persoa que o adquira terá acceso a descontos no comercio local de Milladoiro. Estes descontos iranse publicando oportunamente na páxina web oficial do club e nas RRSS.

Un novo modelo de xestión económica e deportiva.

Seguindo un principio de transparencia e coas facturas encima da mesa, expúxose de forma pormenorizada a situación inicial do club a trinta de xuño do 2020, detallando os estados contables da tempada 2020-2021, previamente ratificados pola Xunta Directiva, e os orzamentos para a tempada 2021-2022. Os asistentes aprobaron POR UNANIMIDADE, tanto o Balance e conta de resultados da tempada 2020-2021 coma os orzamentos para a tempada 2021-2022. Do mesmo xeito, e co fin de atender as necesidades económicas do club e dos/as deportistas que o forman, aprobouse tamén POR UNANIMIDADE, unha subida de cota de 30 euros, que entrará en vigor a próxima tempada.

Ilusionados polo comenzo da tempada.

A Xunta Directiva destacou a inscrición dun equipo sénior para esta tempada, así coma o reforzo dos equipos en todas as categorías. Este reforzo traduciuse finalmente na inscrición de dous equipos de cadete, dous equipos de infantil e dous equipos de alevín F-8. Ademais fortalecéronse as categorías xuvenil, benxamín e prebenxamín e biberón. A isto xúntase o traballo que durante toda a pretemporada viñeron desenvolvendo os adestradores. Con iso esperamos que os nosos deportistas gocen xogando e competindo durante toda a tempada. Igualmente desexamos contar co apoio das súas familias e amigos, especialmente no noso campo.

XUNTOS, SOMOS MILLADOIRO!.

Por favor acceder para comentar.